Fototrampeiros preséntase como un programa de natureza centrado na observación e divulgación da fauna galega a través da técnica do fototrampeo. Este formato permite capturar imaxes inéditas de alta calidade imposibles de obter doutro xeito.
A serie estrutúrase en capítulos temáticos de 40 minutos cada un, nos que se visita e explora un ecosistema ou hábitat diferente de Galicia, na busca da súa destacada e variada biodiversidade.
Cada episodio estará composto por varias seccións ben diferenciadas: unha introdución narrativa que sitúa o espectador no contexto do lugar, a busca de rastros e pegadas de fauna con expertos locais como biólogos, naturalistas ou ecoloxistas, e a colocación das cámaras de fototrampeo que precede ás imaxes capturadas.
As pictóricas paisaxes, o coñecemento e as anécdotas desenfadas dos convidados xunto as imaxes da prolífica fauna galega, gravadas sen inferir no entorno, aportarán un toque de autenticidade e proximidade único á narración.
Como acompañamento, contaremos cunha voz en off que servirá de fío conductor aos discursos dos convidados, cun ton familiar e retranqueiro, transformando os episodios en agradables conversas.
Así, máis aló do comportamento animal na vida salvaxe, destacaranse aspectos como a importancia da conservación ambiental e farase fincapé en aspectos relativos á normativa medioambiental.
Ademais, o emprego de cámaras e técnicas de fototrampeo será o factor diferenciador, complementado con drons e secuencias gravadas en alta definición para crear un relato envolvente que achega a diversidade natural aos fogares dun xeito orixinal e entretido.














